Padrón en 1, 2 e 3 días
Día 1. Padrón esencial: Padrón nun día
Padrón en…
Se tes só un día dispoñible para visitar o noso pobo, recomendámosche como primeira opción realizar a visita xeral, seguindo estas recomendacións ou asistindo a unha das visitas guiadas a Padrón ou ao xardín. Consulta na axenda se hai saídas programadas.
Para comer
Ao finalizar o percorrido recomendámosche comer nalgún dos establecementos hostaleiros do pobo. Neles poderás atopar comida á carta, menú do día, racións e tapas… e degustar os nosos produtos locais e outros gourmet de referencia: pementos de Padrón e lamprea (en tempada), polbo, carnes galegas e peixes das nosas rías maridados con viño albariño da nosa zona e acompañados de pan artesán local… Pero antes hai que empezar cun aperitivo de empanada e vermú galego, para rematar con licores e doces típicos de Padrón.
Pola tarde
Despois da comida podes coñecer o #PadrónLiterario visitando os seus dous museos: a Casa Museo de Rosalía de Castro, lugar no que viviu a autora os últimos anos da súa vida e que ofrece un percorrido pola súa vida e obra. E a Fundación Camilo José Cela, localizada nun edificio de alto valor histórico e que alberga o legado deste autor nunha exposición permanente organizada de forma cronolóxica.
Se aínda dispós de tempo ao terminar estas visitas e queres camiñar, surxerímoste facer algún dos nosos roteiros literarios: contamos con varios de Camilo José Cela por Padrón e co Roteiro Rosaliano de Padrón polos camiños. Con este último, ademais de visitar Padrón, poderás coñecer As Torres da Hermida en Dodro.
A ter en conta: algúns dos puntos do Roteiro Rosaliano e dos Roteiros de Camilo José Cela coinciden cos propostos na visita guiada da mañá, polo que se recomenda facer unha planificación con anterioridade.
Consulta na nosa axenda se hai algunha actividade programada
Para durmir
Elixe algún dos establecementos hostaleiros cos que conta Padrón: hoteis ou pensións no centro do pobo, hoteis con máis capacidade nos arredores, ou casas rurais en contornas naturais nas proximidades da vila.
Día 2. Padrón natural: Padrón en 2 días
Padrón en…
Pola mañá
Para este segundo día en Padrón recomendámosche realizar unha das rutas do Camiño de Santiago que se percorre nun día (Camiño de Santiago a Padrón ou Pedronía) ou algún dos seus tramos.
Padrón sitúase entre dous ríos: o río Sar, integrado no pobo, e o río Ulla, que discorre por paraxes incribles nunha das zonas rurais de Padrón e que che propoñemos descubrir por ti mesmo.
Terías que desprazarte á zona de Bandín. Unha vez alí, podes realizar un pequeno percorrido duns 3 quilómetros ao pé dun lugar cheo de lendas como é Castro Valente e quizais, no camiño… te atopes con algún ser máxico! O itinerario sae da Ermida da Virxe da Mercé e nos leva ata a súa milagrosa fonte.
Despois de visitar a zona, recomendámosche realizar unha pequena parada na ponte de Sinde que cruza o Río Ulla, lugar no que se sitúan varias pesqueiras nas que aínda a día de hoxe se segue a capturar a lamprea.
O camiño de volta cara o núcleo urbano de Padrón é para facer con calma, posto que podes divisar o río Ulla amparado polo Monte Meda e Castro Valente e imaxinar todas as historias que che contamos neste apartado e que nos transmitiron os veciños de Carcacía e de Bandín. Grazas!
Para comer
Ao finalizar o percorrido, tes que parar a comer nalgún dos establecementos hostaleiros da vila. Neles podes atopar comida á carta, menú do día, racións e tapas, e degustar os nosos produtos locais e outros gourmet de referencia: pementos de Padrón e lamprea (en tempada), polbo, carnes galegas e peixes das nosas rías maridados con viño albariño da nosa zona e acompañados de pan artesán local. Iso si, non sen antes empezar cun aperitivo de empanada e vermú galego, e rematar con licores e doces típicos de Padrón.
Pola tarde
Logo de repoñer forzas e descansar no teu aloxamento, debes dirixirte á mesma zona que visitaches durante a mañá. A uns 10 minutos despois de pasar Herbón, e nunha zona alta con curvas, divisarás un espectacular miradoiro á man dereita: o Miradoiro de Lapido, desde o que terás unhas vistas espectaculares co río Ulla ao fondo.
Seguindo o teu camiño, recomendámosche seguir ata Carcacía e desprazarte á área recreativa no borde do río Ulla e preto de pesqueiras. Se a vexetación o permite, poderás ver a Ermida da Mercé alén do río.
De regreso a Padrón, e como última parada da xornada, animámoste a coller á man esquerda cara ao santuario franciscano de Herbón para visitar a zona. Aquí podes realizar a Ruta do Pemento, que te levará á igrexa románica de Santa María de Herbón e ás pesqueiras, pasando por varios campos e invernadoiros de pementos (en tempada).
Para terminar esta xornada, nese mesmo punto podes visitar o emblemático convento franciscano de Herbón, habitado por varios frades franciscanos, e asistir a unha das súas visitas guiadas se che cadra ir no verán; época na que tamén realizan a bendición do peregrino ao final da misa.
A ter en conta: Consulta os horarios de apertura da ermida da Virxe da Mercé e horario de visitas guiadas e misas no convento de Herbón.
Elixe algún dos establecementos hostaleiros cos que conta Padrón: hoteis ou pensións no centro do pobo, hoteis con máis capacidade nos arredores, ou casas rurais nas contornas naturais dos arredores da vila.
Día 3. Padrón e outros lugares Rosalianos…
Padrón en…
Como plan para este terceiro día en Padrón, recomendámosche facer un percorrido pola zona que rodea Padrón e mergullarte na vida e obra de Rosalía de Castro, realizando a Ruta Rosaliana que discorre nas contornas do río Sar. É unha excelente oportunidade para gozar dos lugares relacionados coa autora, nos que viviu e sobre os que escribiu, con alternativas opcionais para gozar da natureza facendo camiñadas en función do tempo do que dispoñas.
Pola mañá
Durante a mañá e tras saír do teu aloxamento, se xa visitaches os lugares rosalianos en Padrón, podes dirixirte cara ao punto das Torres da Hermida en Dodro, lugar no que residiu Rosalía, tivo a algún dos seus fillos e escribiu parte das súas obras.
A continuación propoñémosche dúas opcións: desprazarte cara a Santiago de Compostela para terminar a ruta en Brión ou ir cara a Brión e rematar en Santiago de Compostela.
Decidas o que decidas, os puntos para visitar son os que expoñemos a continuación. Saíndo de Padrón e, logo de visitar Dodro, podes parar en Iria Flavia e no Cemiterio de Adina ou seguir adiante se xa é un lugar no que estiveches antes.
En Santiago de Compostela, como sitios imprescindibles da Ruta Rosaliana atópanse a Praza de Vigo cun monumento conmemorativo a Rosalía por situarse próximo ao lugar no que ela naceu, o chamado noutra época Camiño Novo; e o Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval, no que se atopan as súas cinzas xunto cos doutros coñecidos autores galegos como Castelao.
Se dispós de tempo, propoñémosche realizar un percorrido polos lugares rosalianos da cidade de Santiago. Visitar a alameda, que conta cunha estatua coa súa figura; pasear polas rúas do centro histórico nas que ela residiu; dirixirte ao Hostal dos Reis Católicos, no que foi bautizada e do que fala no libro En las orillas del Sar; e ver a catedral, monumento ao que dedica varios poemas na súa obra Follas Novas.
Pola tarde
Ao terminar a visita en Santiago, podes comer nalgún dos lugares da cidade ou dirixirte cara o Concello veciño de Ames e desprazarte á zona da igrexa de San Xoán de Ortoño. Na súa contorna, no nomeado Castro de Ortoño por ser lugar de castros, atópase a casa onde naceu o pai de Rosalía cunha placa que conmemora o nacemento do Seminario de Estudos Galegos.
A continuación debes desprazarte ao veciño Concello de Brión. De novo, contarás con dúas alternativas: ir á igrexa de Bastavales e rematar a ruta ou ben visitar antes o núcleo de Brión, dixiríndote cara ao lugar no que se erixe a Casa do Concello. Alí, convidámoste a respirar na súa centenaria carballeira e visitar o santuario de Santa Minia, á que se lle dedica unha concorrida romaría cada 27 de setembro.
Canto á igrexa de San Xulián de Bastavales, a visita paga a pena por dous motivos principalmente: alberga o campanario coas famosas campás que escoitaba Rosalía como deixou reflectido en Cantares Gallegos; e ofrece unha excelente panorámica do Val da Maía chegando mesmo a verse a cidade de Santiago. Na contorna desta igrexa destacan varios elementos: a capela do Carme ou un conxunto de fonte e cruceiros.
Este percorrido levarate a descubrir a vida e a obra de Rosalía de Castro. Aínda que non se atope propiamente no Roteiro, preto de Bastavales localízase o Pazo do Faramello, unha visita moi recomendable tanto polo seu valor histórico e arquitectónico como por estar situado nun enclave idílico rodeado de vexetación autóctona ao pé do Castro Lupario. Rosalía refírese a él coas seguintes palabras: “…no pazo onde nunca xea, a súa beleza conxeloume a alma”.
A ter en conta: Consultar horarios de visita do Panteón de Galegos Ilustres e do Pazo do Faramello.
Se dispós de máis tempo, hai percorridos recomendados para realizar na contorna dos puntos do Ruta Rosaliana en Santiago (senda das Brañas do Sar) e en Ames (Polas Ribeiras do Sar).