Visitas por Padrón

Padrón pódelo gozar da maneira que ti elixas… Na Oficina de Turismo e nesta páxina web, así como na aplicación, atoparás información suficiente para facelo por libre; pero tamén podes solicitar contactos de guías de turismo locais para acompañarte no teu percorrido.

Facémosche unha proposta de itinerario rápido que podes ampliar neste apartado ou seguindo as ligazóns marcadas.

Como lugar de saída, a Oficina de Turismo de Padrón. Xusto en fronte atopas unha escultura que representa a icona principal do noso pobo. Na man esquerda verás o Campo do Souto, lugar no que se celebra o Mercado Dominical, e a Praza de Abastos. A continuación, o  Espolón e o Convento do Carme alén do río Sar. Ao fondo, a igrexa parroquial de Santiago co Pedrón no seu interior. Na man dereita continuando polo centro histórico, atoparás unha ampla rede comercial de tendas nas que comprar os nosos produtos gourmet, entre outros.

Iglesia parroquial santiago situada en Padrón
Pedrón de la iglesia parroquial de santiago

Podes pasar pola rúa de Juan Rodríguez: unha placa marca a casa na que viviu Rosalía de Castro enfronte á pequena igrexa franciscana de San Antonio. Tras un paseo por estas rúas, a Avenida de Compostela levarate a divisar unha das xoias de Padrón: o Xardín Botánico Artístico con numerosos elementos literarios, ademais de botánicos.

A uns 5 minutos camiñando atópanse os dous museos que temos en Padrón: a Fundación Camilo José Cela, no lugar de Iria enfronte á igrexa de Santa María a Maior de Iria; e a Casa Museo de Rosalía de Castro, preto da estación de Renfe na estrada que vai a Herbón.

Fundacion de Camilo Jose Cela
Iglesia franciscana de San Antonio Herbon

Se dispós de transporte, recomendámosche achegarte a Herbón: lugar de orixe dos nosos pementos. Alí podes realizar unha pequena camiñada seguindo o Roteiro do Pemento ao redor do convento franciscano de San Antonio de Herbón, situado a carón dunha carballeira centenaria. Durante o traxecto pasarás pola igrexa románica de Santa María e as  pesqueiras do río Ulla.

Para completar esta experiencia de visitar Padrón recomendámosche comer nun dos establecementos hostaleiros do noso pobo e degustar os produtos típicos: os pementos de Herbón ou a lamprea (ámbolos dous en tempada), polbo  á  feira, carnes galegas, peixes e mariscos das nosas rías… e, por suposto, comprar algúns dos produtos  gourmet que che recomendamos.

Por todo isto, en Padrón SOMOS #Camiñoedestino

Convento del carmen en padron

Consulta na nosa axenda se hai algunha visita programada

Tamén che pode interesar: