Novas

O Concello de Padrón pon en marcha unha campaña para promover o turismo de proximidade e reforzar a confianza do público

5 Aug 2020 | Turismo

O Concello de Padrón vai poñer en marcha esta semana unha campaña para promover o turismo de proximidade e reforzar a confianza do público nun destino seguro, atractivo e libre de coronavirus. Unha iniciativa que inclúe a estrea da páxina web www.padronturismo.gal e a dunha nova marca turística, “Padrón turismo”, que promova as singularidades do municipio en turismo, natureza, Xacobeo, gastronomía, literatura e hostalería e comercio.

Trátase dunha proposta incluída no Plan de Reactivación do Turismo e do Comercio elaborado pola Concellería de Turismo de Padrón para os anos 2020 e 2021, tendo en conta o Plan de Acción Padrón 2017-2022. A concelleira de Turismo, Lorena Couso, explica que “o obxectivo é promover un turismo de proximidade e estable, procedente tanto da comarca como do resto de Galicia, e que nos permita así reactivar un pouco todos os sectores”. Unha iniciativa desenvolta polo Concello de Padrón con fondos propios e que supón un investimento de máis de 10.000 euros.

Nova marca turística

Entre os puntos fundamentais a destacar e poñer en valor de Padrón elixíronse cinco, que figuran como marcas englobadas en “Padrón Turismo”. Este identificador xeral representa os valores máis coñecidos de Padrón a nivel internacional: os pementos (que substitúen ao “Ó” do nome rodeados polas confluencias dos ríos Sar e Ulla), e o Camiño (representado polas liñas de entrada e saída da marca). O resto das letras da marca tamén teñen a súa personalidade e poñen en valor algún aspecto distintivo do municipio: o “P” toma a súa forma do caxato dos peregrinos; o “A” presenta un sorriso de amizade”, o “R” inspírase na inscrición do Pedrón; e o “N” representan unha barca surcando os ríos da comarca.

As outras cinco marcas englobadas en “Padrón Turismo”, que manexa unha gama cromática verde para reforzar o seu vínculo co pemento, son:

  • Padrón TurismoPadrón Xacobeo, cunha aposta pola potenciación da Pedronía e o valor patrimonial que xira en torno ao Camiño de Santiago. A súa cor é a amarela, de acordo coas frechas que guían o Camiño.
  • Padrón Gastronómico, para poñer en valor os produtos estrela como o pemento de Herbón ou a lamprea do Ulla. A súa cor corporativa será o laranxa, nunha tonalidade cálida.
  • Padrón Literario, coa potenciación da Ruta Rosaliana posta en marcha en colaboración cos concellos de Ames, Brión, Rois e Santiago. A súa cor corporativa é a das camelias.
  • Padrón Natural, representada tanto polo Xardín Botánico-Artístico como a práctica deportiva ligada a actividades coma o sendeirismo, o rafting ou a tirolina. A súa cor é a verde auga.
  • Padrón Hostalería e Comercio, dous sectores que xa formaron parte da primeira iniciativa de reactivación económica tras a pandemia (coa entrega de 115 biombos protectores de cristal templado, coa exención de pago de terrazas para establecementos hosteleiros, difusión da campaña #PadrónVolve a través das redes sociais, a campaña ‘Cultura na Rúa’ e a axuda á instalación de medidas hixiénico-sanitarias nos establecementos comerciais). Dous sectores que serán obxecto de novas iniciativas ao longo da próxima semana. O azul será a súa cor corporativa.

 Páxina web

Así mesmo, esta semana púxose en marcha a páxina web www.padronturismo.gal, para dar soporte a esta nova campaña promocional. Así, a web contén enlaces aos cinco bloques englobados en “Padrón Turismo”, así como un enlace á APP web da Pedronía. A maiores, a páxina contará tamén cun apartado denominado Experiencias, no que expertos do sector recompilarán e porán en valor distintas actividades que se poden realizar en Padrón co obxectivo de que o turista poida vivilas en primeira persoa.

Ademais da información de eventos, comercio, gastronomía, turismo, natureza… o novo sitio incluirá un Marketplace, unha na que os distintos comercios de Padrón poderán anunciar os seus produtos e ofrecerlles un interesante abano de opcións ao turista que queira achegarse pola vila. “Poremos a disposición do noso comercio un formulario enliña no que poderán engadir fotos e información, que nós validaremos para a súa publicación na nova páxina web”, explica Lorena Couso.

Padrón Turismo
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.