Rosalía de Castro
Rosalía de Castro naceu en 1837 en Santiago de Compostela e foi bautizada como filla de pais incógnitos, sendo en realidade filla da fidalga María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía e do sacerdote José Martínez Viojo.
As súas obras fundamentais son os libros de poemas en galego Cantares Gallegos (1863), revulsivo da durmida cultura galega, e Follas Novas (1880); e a obra en castelán En las orillas del Sar (1884). Rosalía recibiu o influxo do Romanticismo (Espronceda, Bécquer…) e admirou a Fernán Caballero como muller-escritora.
En 1858 casou co escritor e historiador Manuel Murguía, co que tivo sete fillos, que máis tarde faleceron sen deixar descendencia. En 1885 finou na súa casa da Matanza, en Iria Flavia, e foi enterrada no cemiterio de Adina. En 1981 os seus restos foron trasladados ao Panteón de Galegos Ilustres, sito na igrexa de Santo Domingo de Bonaval, en Santiago de Compostela.
En 1947 créase o Padroado Rosalía de Castro para recuperar a Casa da Matanza, en Padrón, e convertela, en 1971, nun museo dedicado á súa memoria. A casa, onde residiu ata a súa morte en 1885, conserva practicamente inalterada a súa estrutura orixinal. Pódense contemplar no museo fotos da poetisa, dos seus familiares e amigos, recordos persoais, escritos e multitude de obxectos cotiáns da Galicia do século XIX.
+ info: Casa Museo Rosalía de Castro
O Centro de Estudos Rosalianos, a Aula Pedagóxica e o Auditorio están en edificios adxacentes.
En 1980 Avelino Abuín de Tembra creou a Ruta Rosaliana, unha ruta que percorre os lugares que Rosalía de Castro percorreu ao longo da súa vida polos concellos de Ames, Brión, Dodro, Padrón e Santiago de Compostela. Esta ruta foi renovada e actualizada polos mesmos concellos chamándolle “As pegadas de Rosalía”.
+ info: Ruta Rosaliana