Premios Literarios
O Concello de Padrón organiza varios concursos e premios literarios ao longo do ano:
Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva
O Premio de interpretación teatral Maruxa Villanueva empezou a súa andaina no ano 2001, en conmemoración de Maruxa Villanueva, cantante nos seus inicios profesionais e que se converteu aos poucos anos nunha grande actriz teatral, principalmente en terras arxentinas, onde pasou varios anos da súa xuventude. A finais dos anos 60 instálase en Santiago de Compostela, onde entra en contacto co Padroado Rosalía de Castro, a quen lle vai axudar a conseguir fondos para a restauración da Casa-Museo Rosalía de Castro. Por mor disto, fíxose unha grande coñecedora da vida e obra da autora padronesa e pasou a atender ela mesma a Casa-Museo dende a súa apertura.
Maruxa Villanueva obtivo en vida moitas distincións, entre as que se pode destacar a homenaxe recibida na súa aldea natal de Barrela, no 1991, o mesmo ano en que a Xunta de Galicia lle impón a Medalla Castelao. Xa no 1993, foi nomeada presidenta de honra da Asociación polos Dereitos do Emigrante Galego en Buenos Aires. Postumamente recibe tamén o premio María Casares de teatro.
Por todo isto, no seu nome, en Padrón créase tras a súa morte o Premio de interpretación teatral Maruxa Villanueva.
O galardón outórgaselles a actores ou actrices que participaran nun espectáculo teatral galego durante o ano vixente, ou no seu caso a un actor ou actriz pola súa recoñecida traxectoria neste ámbito. Este premio, dotado economicamente, acompáñase da entrega dun diploma acreditativo e dunha figura de bronce co busto da actriz Maruxa Villanueva.
O premio resólveo o xurado designado por resolución de alcaldía do Concello de Padrón, que estará formado polo menos por catro persoas especializadas no teatro galego propostas pola concellería de Cultura e por un representante nomeado por cadanseu grupo político da corporación municipal.
Concurso de narrativa ‘Premio Literario Camilo José Cela’
O premio literario Camilo José Cela de narrativa realízase como homenaxe perpetua á figura humana e literaria do egrexio escritor Premio Nobel de Literatura en 1989 e nado de Iria Flavia (Padrón). Este premio vense celebrando dende 1990 cun grande éxito de participación tanto nacional coma internacional, xa que a figura de Camilo José Cela é estudada en varias partes do mundo.
Os relatos que se presentan ao concurso deben ter unha extensión de 12 a 25 folios e seren inéditos e orixinais, escritos tanto en galego coma en castelán. Un xurado, designado por resolución de alcaldía do Concello de Padrón, que baixo os principios de publicidade, transparencia, igualdade, non discriminación e obxectividade, emite o seu veredicto para logo facelo público nos medios de comunicación. O galardón está dotado por un premio de 1.500€ e unha figura do escritor Camilo José Cela.
+ INFO: cultura@padron.gal
Certame poético Rosalía de Castro
O certame poético Rosalía de Castro celébrase na honra da autora que conta coa súa Casa – Museo en Padrón. Comezou a realizarse no ano 2015 e poden acceder a el todas as persoas de calquera nacionalidade que presenten obras inéditas en lingua galega non premiadas noutros concursos. O tema das obras é de libre elección así como a forma poética escollida. As obras terán unha extensión mínima de 400 versos.
O xurado está presidido polo alcalde ou alcaldesa e forman parte o/a concelleiro/a de Cultura e cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da poesía, literatura galega, comunicación e/ou eido cultural. O premio está dotado coa cantidade de 1.500€ e un diploma acreditativo.
+ INFO: cultura@padron.gal