O Santiaguiño do Monte

Santiaguiño do Monte

Espazo arqueolóxico datado na Idade de Ferro (s. III a. C.) coñecido popularmente como o lugar escollido polo Apóstolo para a predicación do Evanxeo. O conxunto está composto por tres elementos senlleiros:

A ermida, construción anterior a Rodrigo de Luna (s. XV), grande impulsor das peregrinacións a Padrón, cuxo escudo se conserva no lintel da porta Leste. A fachada ten un relevo coa escena do Apóstolo bautizando á raíña Lupa como elemento principal. No interior hai só unha nave cun pequeno altar presidido pola imaxe pétrea do apóstolo Santiago, peza curiosamente desgastada debido a que durante séculos estivo exposta a rituais xacobeos que consistían en tocar e abrazar a figura do Apóstolo como signo de devoción.

Na actualidade, a ermida do Santiaguiño unicamente está aberta durante a novena e a celebración da romaría de Santiaguiño do Monte, o día 25 de xullo.

A fonte, o lugar de limpeza, purificación e perdón dos pecados. Así estivo considerada durante o fenómeno das peregrinacións xacobeas a Padrón. A tradición popular mantivo a crenza de que aquí se atopaba a gruta na que o Apóstolo se agochaba dos seus perseguidores, e que tamén foi aquí onde, tras golpear tres veces o seu báculo, fixo brotar auga para calmar a sede dunha xentil muller.

As dez rochas que forman un conxunto coroado coa figura do Apóstolo predicando sobre unha peaña. Na parte dianteira hai varias cruces gravadas e unha inscrición con varias interpretacións “Esmola para Santiago Maior Apóstolo” ou “Esmola para Xesús e María”. A rocha superior está coroada cunha cruz pétrea anterior ao s. XVII. O monumento ten tamén varios chanzos nos que antigamente se axeonllaba a xente que chegaba en peregrinación. Despois, enfiaban os corpos polos tres buratos da rochas coñecidos cos nomes de inferno, gloria, ceo ou purgatorio.

N

Acceso

Bo a pé e vehículo

Santiaguiño do Monte s/n

GPS: 42.738172, -8.6670843816205