Lugar de Iria Flavia

Igrexa de Iria Flavia

Iria Flavia, lugar de lenda, xacobeo e literario.

Antiga cidade romana, ademais de punto de orixe do que coñecemos na actualidade como Padrón. A documentación constata que foi un centro comercial con porto importante a mediados do s. I.d. C. e parece que naquel entón era unha enseada formada polos ríos Sar e Ulla entrada á Ría de Arousa. Estaba integrada na Vía XIX do Itinerario Antonino (s. III d. C.).

Na época medieval, séculos VI ao  XI foi Sede Episcopal. No s. XII o Arcebispo Xelmírez estableceu a colexiata e o cabido en Iria, sendo segunda cátedra de Compostela ata o ano 1851.

Iria Flavia, lugar de lenda, xacobeo e literario.

Lugar de lenda, onde a tradición oral sitúa a fundación de Iria, no ano 40 de nosa era, momento no que predicou o Apóstolo. Desde esa época e ata o primeiro arcebispo coñecido (Andrés no s.VI) dise que houbo 28 bispos e que foron enterrados nese templo de Iria.

Lugar xacobeo, onde residiu o Bispo Teodomiro, quen recoñeceu os restos mortais do Apóstolo, no ano 825.

Lugar literario, berce de ilustres autores. En Iria Flavia naceu o premio Nobel de Literatura Camilo José Cela e aquí, concretamente nas antigas Casas dos Canónicos (s. XVIII), atópase a súa Fundación. Moi preto está a Casa – Museo de Rosalía de Castro, última residencia da poetisa e lugar do seu falecemento.

Iria Flavia alberga outros elementos de valor cultural dignos de mención:

A igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia, antiga Colexiata; a súa colección de sartegos, datados entre os séculos XI e X e o seu cemiterio, coñecido como o cemiterio de Adina onde no seu momento descansou o corpo de Rosalía de Castro e hoxe descansa eternamente Camilo José Cela.

A restaurada Casa dos Capeláns, s. XVIII, que actualmente alberga o museo de Padrón.