Novas

Un intenso programa de actividades divulgará a obra e a figura de Cela no vixésimo aniversario do seu pasamento

18 Xan 2022 | Turismo

O cemiterio de Santa María de Adina, en  Iria Flavia, acolleu esta mañá o acto de presentación das actividades que a Xunta vai impulsar este ano para difundir a obra e o legado de Camilo José Cela coincidindo co vixésimo aniversario do seu pasamento. O primeiro tenente alcalde de Padrón, José Ramón Pardo, e o alcalde de Rois, Ramón Tojo, acompañaron ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na ofrenda floral coa que lembraron ao Premio Nobel galego, xusto no día no que se cumpren os vinte anos da súa morte.

José Ramón Pardo lembrou na apertura do acto que Cela sempre fixo gala da súa vinculación con Padrón e quixo que os seus restos descansasen cos seus antergos no cemiterio da igrexa de Adina, na que foi bautizado e situada en fronte da Fundación que acolle o seu prolífico legado.

Á Fundación Cela referiuse precisamente o conselleiro Román Rodríguez como “axente dinamizador do panorama cultural galego e nacional” e salientou a “vixencia do pensamento e da produción literaria de Cela” grazas ás súas obras e ao labor que está a desenvolver a Fundación desde hai máis de trinta anos, “con investigación, protección e proxección de todo o material xerado polo Nobel.

Entre as actividades que presentou o conselleiro e que se van desenvolver ao longo deste 2022 inclúense visitas e obradoiros para escolares na Fundación, así como a rehabilitación e musealización da Sarita, a primeira locomotora a vapor que funcionou en Galicia e que constitúe a peza principal do Museo do Ferrocarril  integrado no Museo Camilo  José Cela. O proxecto de restauración inclúe a posta a punto da locomotora, a construción dunha cuberta para protexela, a colocación de ramplas para o acceso á sala de máquinas e a protección das pezas interiores.

Román Rodríguez salientou na súa intervención que a programación do aniversario do pasamento de Cela abrangue, non obstante, as catro provincias galegas e inclúe accións e acordos con institucións de fóra de Galicia”.

Segundo apuntou, haberá catro proxectos expositivos centrados na figura do escritor padronés. O primeiro deles será Cela poliédrico, unha mostra itinerante que percorrerá de marzo a outubro as cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo. A través dela afondarase nas diferentes facetas do autor, ademais de incluír aspectos curiosos e menos coñecidos da súa traxectoria.

O segundo ten como obxectivo a celebración dos 80 anos da publicación de La familia de Pascual Duarte, a primeira grande obra de Cela coa que se iniciou o xénero do tremendismo abrindo novas rutas na literatura española. A mostra desenvolverase en outubro no Museo Camilo José Cela de Padrón, co legado que alí se conserva.

As outras dúas exposicións son colaboracións. Unha delas céntrase na figura de Cela como senador e, especial, na súa participación na redacción da Constitución española. Realizarase conxuntamente coa Delegación do Goberno da Rioxa. E en maio, a Fundación Camilo José Cela participará na mostra “Primeras ediciones y libros antiguos”, organizada no Museo da Ciudat Casa Polo, en Castellón, co préstamo das primeiras edicións de La familia de Pascual DuarteLa colmena e Viaje a la Alcarria.

Ás exposicións súmanse diferentes actividades desde o ámbito académico que se celebrarán en Madrid e Cataluña. Deste xeito, Barcelona acollerá en maio o seminario “Camilo José Cela. Palabra e imagen”, organizado pola Universidade de Barcelona en colaboración coa Fundación Camilo José Cela.

Ademais, en outono, en colaboración coa Biblioteca Nacional de España celebrarase unha xornada académica co gallo dos 80 anos da publicación de La Familia de Pascual Duarte. Terá lugar na sede da Biblioteca Nacional, en Madrid.

O conselleiro de Cultura referiuse ademais a outras iniciativas de homenaxe e de reflexión sobre a vida e obra de Camilo José Cela, entre elas a lectura pública da novela A rosa, na que narra a súa infancia en Galicia. O acto, que se celebrará o 11 de maio coincidindo coa data de nacemento do escritor, terá lugar no marco do Letreseo, a semana das letras no Museo Camilo José Cela. A mesma novela protagonizará tamén unha ficción sonora en colaboración con Radio Nacional de España.

Por outro lado, en 2022 verá tamén a luz o primeiro número da revista dixital Cuadernos de Iria Flavia da man da Fundación Camilo José Cela. Incluirá artigos sobre efemérides ou pezas do Nobel, textos inéditos de autores noveis, achegas de investigadores, escritores ou xornalistas e unha sección dedicada ás artes visuais..