Este venres comeza a VII edición das Xornadas Gastronómicas da Lamprea organizadas polo departamento de Turismo do Concello de Padrón. Así, os días 5, 6, 7, 12, 13 e 14 de marzo este produto estrela da gastronomía padronesa protagonizará os menús de sete restaurantes do municipio. Este ano por mor da Covid-19 non se poderán realizar todas as actividades de divulgación e lúdicas que habitualmente organizan dende a concellaría que lidera Lorena Couso, se ben manterase a proposta a través dos establecementos da zona.
Para degustar os menús elaborados por cada un destes establecementos, haberá que reservar previamente, e o prezo será de 35 euros por persoa. Os locais participantes son Restaurante O Secreto, Restaurante Scala, Restaurante Chef Rivera, O Alpendre, Pulpería Rial, Restaurante O Santiaguiño e Casa Farrucán. En todos os restaurantes participantes extremarán as medidas de prevención contra a Covid-19 para que as Xornadas se desenvolvan nunha contorna segura sanitariamente.
A concelleira de Turismo, Lorena Couso, sinalou que “dende o Executivo local facemos todos os esforzos por manter o maior número de actividades sociais, culturais e de ocio e para continuar dinamizando a economía do noso municipio, sempre co foco posto nas medidas e recomendacións das autoridades sanitarias. Por iso, agardamos que estas Xornadas, malia que non poden ser celebradas coma nos últimos anos, supoñan un revulsivo para os empresarios e hostaleiros que tanto están a padecer nestes tempos”.
Para máis información, consulta a web: www.xornadasdalamprea.padronturismo.gal