Padrón recibiu este xoves 27 de marzo a visita oficial da cúpula directiva da Rede de Pobos Máxicos de España, a organización que promove localidades únicas e de grande valor patrimonial, cultural e natural. Durante o encontro, no que participaron o alcalde Anxo Arca, a concelleira de Turismo Chus Campos, e o técnico de Turismo Alberto Rey, xunto á directora de Desenvolvemento de Pobos Máxicos de España, Noelia Guzmán, intercambiouse información sobre os recursos que caracterizan á vila, así como as ferramentas de dinamización turística, social e económica que ofrece esta institución.
Anxo Arca expresou a súa satisfacción por “pertencer á rede de promoción territorial e turística máis destacada de España, un logro que é consecuencia do esforzo colectivo de cada un dos nosos veciños e veciñas que coidan e poñen en valor cada detalle do noso pobo para facelo único, para facelo máxico”.
Noelia Guzmán destacou ademais que “Padrón, no seu ámbito natural e patrimonial, é unha xoia única, un espazo singular en toda España”. Así mesmo convidou “a todos a descubrir esta terra máxica e a gozar de todo o que ten que ofrecer”. A directora de Desenvolvemento tamén subliñou que esta visita “ademais de permitirnos gozar da beleza deste lugar, servirá como diagnóstico para optimizar o uso do turismo como motor de desenvolvemento económico e social nas localidades que formamos parte da rede”.
Primeira localidade da provincia na Rede
Padrón converteuse na primeira localidade da provincia da Coruña en integrarse na Rede de Pobos Máxicos de España -a única galega que entrou no 2025-, un selo que supón un importante impulso promocional tanto a nivel turístico como económico. A adhesión á rede permitirá aos habitantes e empresas locais aproveitar as ferramentas de dinamización que ofrece a iniciativa, como o acceso a novas rutas turísticas e eventos de visibilidade nacional.
O selo de calidade da Rede de Pobos Máxicos estará dispoñible para asociacións sen ánimo de lucro, artesáns e produtores locais, permitindo que poidan usalo na súa promoción, mellorando así a súa visibilidade e posicionamento no mercado.
É tamén clave de cara ao desenvolvemento no ámbito social e económico, favorecendo a sustentabilidade e ofrecendo sinerxías entre poboacións, incitando á colaboración entre elas, desenvolvendo as boas prácticas e optimizando os plans conxuntos.