Novas

Padrón promove a súa forte vinculación coa tradición xacobea

18 Xan 2022 | Turismo

“Padrón é o berce do fenómeno Xacobeo e dos Camiños de Santiago, e unha visita obrigada para quen queira coñecer a historia de Santiago en Galicia”, asegurou onte en Padrón o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, durante a presentación do libro Padrón Xacobeo 21-22 que se celebrou no auditorio municipal. No mesmo senso se pronunciou a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, ao asegurar que “o Camiño de Santiago non pode entenderse sen Padrón e a lenda da Traslatio, xa que o Apóstolo Santiago estivo aquí de vivo, predicando no monte Santiaguiño, e de morto”.

O libro Padrón Xacobeo 21-22, obra editada pola Concellaría de Turismo, recolle un total de 31 artigos con textos e fotografías aportados pola veciñanza nos que se plasma o forte vínculo da vila co nacemento e o auxe da peregrinación para visitar o sepulcro de Santiago o Maior.

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández, subliñou no acto que Padrón é un lugar de visita inescusable para aquelas persoas que emprenden o Camiño coa idea de honrar ao Apóstolo. Recentes descubrimentos arqueolóxicos, dixo, virían a constatar que foi o primeiro porto ao que chegou o seu cadáver procedente de Palestina. Lembrou tamén que a igrexa padronesa de Santiago conserva o miliario ao que amarraron a barca os dous discípulos que trouxeron ao Apóstolo e que o fenómeno xacobeo se iniciou no século IX cando o bispo de Iria Flavia, Teodomiro, deu a coñecer o descubrimento da súa tumba.

O rexedor padronés sostivo que a estas razóns espirituais e históricas súmanse outras que poden atraer todo tipo de visitantes, aos que convidou a obter a Pedronía ou a certificación que dá conta da tradición medieval de continuar ata a capital do Sar logo de chegar a Compostela. “Non debemos esquecer que a mitoloxía xacobea vai acompañada na nosa vila dun máis que meritorio patrimonio monumental, natural e inmaterial”, manifestou.

Acompañaron ao alcalde no acto de presentación Cecilia Pereira e Xesús Palmou, quen foi distinguido como Peregrino de Honra polo Concello de Padrón o pasado mes de xullo. “Xa que a nosa idea cando instauramos estes galardóns en 2017 era que os seus posuidores exerceran como embaixadores de Padrón durante un ano, podemos dicir que o presidente da Academia Xacobea está agora en plena posesión do cargo. Cónstanos que o exerce moito e ben. É un gran orgullo para nós neste dobre ano xacobeo no que tantas esperanzas temos depositadas”, concluíu Antonio Fernández antes de cederlle a palabra a Cecilia Pereira.

A comisaria do Xacobeo indicou que “este libro coral” corrobora a “relevancia histórica do municipio” e asegurou que “o Camiño de Santiago non pode entenderse sen Padrón e a Traslatio do Apóstolo, que estivo aquí de vivo, predicando no monte Santiaguiño, e despois de morto, cando foi trasladado polos seus discípulos”.

Cecilia Pereira tamén resaltou que en Padrón converxen tres itinerarios a Santiago: o Camiño Portugués, o Camiño Portugués pola costa e a Ruta Marítima Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, antes de continuar cara a Catedral.

De xeito semellante se manifestou Xesús Palmou. Na súa intervención, o presidente da Academia Xacobea puxo de manifesto que “diferentes olladas coinciden en resaltar a importancia” do concello padronés na tradición xacobea. “Padrón é berce do fenómeno xacobeo e unha visita obrigada para quen queira coñecer a historia de Santiago en Galicia”. Palmou recordou que Iria Flavia precedeu a Compostela como sede episcopal ata o achádego dos restos do Apóstolo, tal e como se recolle no Códice Calixtino.

O presidente da Academia Xacobea tamén resaltou que a Comisión Europea destaca a importancia do Camiño de Santiago como unha ruta histórica de máis de mil anos que favorece o diálogo e a concordia en Europa.  Trátase, reiterou, dunha ruta de peregrinación que comezou en Padrón coa chegada dos discípulos do Apóstolo cando trouxeron o corpo do mestre e que cobrou impulso a partir do século IX cando o bispo Teodomiro deu a coñecer a existencia da tumba de Santiago o Maior en terras do Sar.

A presentación, con aforo reducido por causa da pandemia, pechouse coa actuación do actor Suso Martínez caracterizado como Atanasio, un dos dous discípulos que trouxeron a Galicia o corpo do Apóstolo.