Novas

Padrón presenta en Fitur 2023 os seus novos folletos turísticos

9 Xan 2023 | Turismo

‘Padrón. Camiño e destino’ é o lema da renovada marca coa que o Concello padronés se promocionará na vindeira edición de Fitur e que aglutina (baixo as denominacións Padrón Xacobeo, Padrón Literario, Padrón Natural e Padrón Gastronómico), todas as posibilidades que o municipio lles ofrece aos visitantes para gozar da súa historia, patrimonio, gastronomía ou actividades de lecer, sen esquecer por suposto as experiencias que se poden vivir no territorio.

Padrón estará presente na Feira Internacional de Turismo en Madrid, que se desenvolverá entre o 18 e o 22 de xaneiro. Tanto turistas como turoperadores ou axencias de viaxes poderán atopar un catálogo de catro novos folletos vencellados ao Padrón literario, natural, gastronómico e xacobeo, que en galego, castelán e inglés, compendian toda a información de interese para visitar a capital da comarca do Sar.

Padrón Natural recolle os principais recursos verdes da localidade, como árbores senlleiras, xardíns ou miradoiros, así como rutas de sendeirismo ou propostas de turismo activo. Padrón Literario abrangue por suposto as figuras e os museos de Rosalía de Castro e Camilo José Cela, pero tamén iniciativas vencelladas a outros literatos locais como Macías o Namorado, Nicasio Pajares, Manuel Barros ou Juan Rodríguez. O folleto de Padrón Gastronómico, pola súa parte, céntrase en produtos de gran sona como son os pementos de Herbón e a lamprea, ademais de convidar a participar en experiencias como festas e xornadas gastronómicas ou o a visita ao mercado dominical.

Os novos folletos únense ao de Padrón Xacobeo, editado en doce idiomas e que, dirixido sobre todo aos cada vez máis numerosos peregrinos que fan o Camiño Portugués, incide na forte vinculación da vila padronesa coa lenda xacobea. O Camiño da Pedronía, Santiaguiño do Monte, o Pedrón, as igrexas de Santiago, de Iria e da Escravitude son algúns dos elementos que se destacan nesta guía para animar aos turistas a achegarse a Padrón a coñecer a orixe da lenda xacobea.

Todas as guías dispoñen dun código QR que redirixe á web de Turismo de Padrón (https://www.padronturismo.gal/es/), onde os visitantes atoparán tamén contidos máis amplos e/ou actualizados.