Novas

Padrón lembrará a Rosalía cun intenso programa cultural na semana do 18 ao 26 de febreiro

9 Feb 2022 | Turismo

O Concello de Padrón celebrará o Día de Rosalía cunha intensa programación cultural que encherá de actos a semana que vai entre o venres 18 de febreiro e o sábado 26. O propio día da cantora do Sar, que dende este ano pasa a conmemorarse o 23 de febreiro coincidindo coa data real do seu nacemento segundo as últimas investigacións, abrirase coa tradicional ofrenda floral na estatua do paseo do Espolón e contará tamén cunha nova sesión de tertulias clandestinas logo do éxito obtido este verán pola que se lle dedicou a Emilia Pardo Bazán no convento de San Francisco de Herbón.

O programa do día 23 de febreiro iniciarase ás 10 da mañá co acto institucional e a ofrenda floral diante da estatua de Rosalía no paseo do Espolón. O grupo de gaitas Os Carapaus poñerá o acompañamento musical, mentes o alumnado do IES Camilo José Cela lerá varios poemas da escritora padronesa. Nenas e nenos dos colexios e institutos de Padrón sumaranse tamén á celebración plantando un fillo da figueira da casa de Rosalía nos seus centros.

Xa pola tarde, ás 16.30 horas, o xardín botánico acollerá as Terturlias clandestinas con Rosalía, unha conversa entre o locutor de radio José Manuel García e a guía turística María Chamadoira, que lle dará vida a Rosalía para descubrirnos fitos imporantes e as facetas máis descoñecidas da súa vida. Musicalizará este encontro a vocalista bastavalesa Fátima Pego. A entrada será gratuíta pero haberá que reservar praza na oficina de Turismo de Padrón.

A xornada pecharase coa presentación do libro ‘O sal dos días’ de Rafael Xesús Vidal, gañador da oitava edición do certame poético Rosalía de Castro. O acto desenvolverase no Auditorio Municipal a partir das 19.00 horas e rematará co concerto de Xisco  Feijóo. As persoas interesadas en asistir a este concerto deberán retirar a invitación no Centro Social a partir do luns 14 de febreiro.

Pero os actos na honra de Rosalía de Castro esténdense máis alá da data de aniversario da escritora galega máis universal. Cabe lembrar que na praza Ramón Tojo pode visitarse dende hai días e ata o 24 de febreiro a mostra que conmemora os 50 anos do museo da Casa de Rosalía. Os eventos, pola súa banda, iniciaranse o venres 18 coa presentarase no Auditorio do libro ilustrado ‘O sombreiro de Murga’, de Manuel Lorenzo Baleirón,  mentres que o sábado 19 Teatro do Atlántico representará tamén no Auditorio ‘Libre como os paxaros’, obra baseada en textos de Rosalía.

Nenas e nenos dos centros de educación infantil participarán da celebración os días 21, 22 e 25 asistindo ao espectáculo de contacontos ‘Figueiriñas que eu prantei’ de Correo do Vento e o alumnado de 5º e 6º dos colexios Flavia e Rosalía de Castro poderán ver ‘Rosalía’, proposta teatral de Culturactiva, o venres 25.

Padrón pechará a programación do Mes de Rosalía o sábado 26 con música. Ao mediodía, a Banda Municipal presentará no Xardín Botánico a peza Caldo de Gloria, composta por Loliña Mosquera e Braulio Cao, e pola tarde chegará á súa terceira edición a Gala Rosalía Foliadeira, organizada pola Asociación Cultural Rosalía de Castro. A cita queda fixada para as 19.30 horas no Auditorio.