O Concello de Padrón distinguirá ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como Peregrino de Honra. O alcalde padronés, Antonio Fernández Angueira, entregaralle esta distinción o vindeiro mércores, 20 de xullo, nun acto que se desenvolverá na igrexa parroquial de Santiago para celebrar o Día do Peregrino.
Con esta efeméride, Antonio Fernández lembra que Padrón lle rende homenaxe aos milleiros de camiñantes que visitan a vila cada ano seguindo tanto o Camiño Portugués, o segundo máis concorrido por detrás da ruta francesa, como o Camiño da Pedronía para coñecer o lugar no que desembarcou o corpo do Apóstolo.
O alcalde subliñou que o galardón que recibirá Alfonso Rueda, denominado Padrón, Berce do Xacobeo, “foi instaurado no ano 2017 polo Concello padronés para destacar o traballo realizado por persoeiros relevantes a prol do Camiño de Santiago e tamén co obxectivo de que a premiado exerza como embaixador padronés nas rutas xacobeas durante o próximo ano”. “É incuestionable _sinalou_o gran labor de promoción que o actual presidente da Xunta realizou para promocionar o Xacobeo”. Alfonso Rueda sucede no palmarés a Xesús Palmou, director da Academia Xacobea.
Os actos de celebración do Día do Peregrino comezarán ás sete da tarde coa Misa do Peregrino. Ademais, todos os camiñantes que nese día pasen por Padrón recibirán un obsequio conmemorativo na Oficina de Turismo ou no albergue municipal.