O Concello de Padrón convoca unha nova edición do “Nadal na rúa”, un concurso de decoración de nadal de balcóns, fiestras, escaparates, fachadas, xardíns e todo tipo de elementos exteriores e visibles dende a rúa de todo o municipio padronés. Un concurso aberto tanto a particulares como a empresas, que para participar só deberán anotarse de forma gratuíta na Oficina de Turismo de Padrón antes do mércores 1 de decembro.
A concelleira de Cultura e Turismo, Lorena Couso, explica que o obxectivo do certame é “promocionar e enxalzar a beleza do rueiro e do patrimonio arquitectónico da vila de Padrón nesta tempada de Nadal, así como dinamizar a participación activa da veciñanza, do comercio, da hostalería e da restauración do concello para contribuír á imaxe global dun Padrón máis atractivo, tanto para os veciños e veciñas como para as persoas que nos visitan nesas datas”.
Participación
Para poder participar, as creacións deberán ser visibles dende a vía público dende o 10 de decembro de 2021 ao 6 de xaneiro de 2022, ambas as dúas datas incluídas. As persoas participantes deberán enviar 2 fotografías da decoración, unha de día e outra de noite, a turismo@padron.gal antes do 10 de decembro. Iso si, as creatividades non poderán nin interromper a actividade cotiá, nin ocupar a vía pública nin causar perigo ás persoas ou bens.
Poderán participar todas as persoas maiores de 18 anos que o desexen e o Concello de Padrón establecerá dúas categorías (particulares e empresas) con tres premios: 400 euros para a empresa gañadora, 250 euros para a decoración particular de casas e 150 euros para a decoración particular de pisos.
“As contías dos premios deberán ser consumidas no comercio e na hostalería local, polo que as persoas gañadoras terán ata o 30 de xaneiro de 2022 para realizar o gasto e presentar os recibos das súas compras”, apunta Lorena Couso, “pois deste xeito axudamos tamén a potenciar o noso sector hostaleiro”.
O xurado valorará especialmente a creatividade na ornamentación, a inclusión de elementos de identidade local e o emprego de materiais de refugallos ou eco-sostibles. Os seus compoñentes pasarán polas vivendas e establecementos participantes o día 16 de decembro para facer a valoración.