Novas

Padrón concede o galardón «Padrón, Berce do Xacobeo» á familia Vidal polo seu compromiso co turismo de calidade

22 Out 2026 | Turismo

O Concello de Padrón concede o galardón «Padrón, Berce do Xacobeo», deste modo recoñece á familia Vidal (Grupo Scala) como Peregrinos de Honra 2026 pola súa implicación no desenvolvemento dun modelo de turismo de calidade, vinculado á identidade, á gastronomía e ao patrimonio da vila.

Nesta edición, o Concello introduce un cambio na dinámica deste recoñecemento, que deixa de centrarse nunha persoa física para distinguir unha familia. Con esta decisión, quérese poñer en valor non só unha traxectoria individual, senón tamén o traballo colectivo, a continuidade xeracional e unha visión compartida que permitiu construír un proxecto empresarial estreitamente ligado a Padrón.

Desde a súa fundación en 1980, o Grupo Scala foi ampliando a súa actividade ata conformar unha proposta turística e gastronómica que integra catro referencias: o Hotel Scala, o Asador O’Pazo, o Pazo de Arretén e o Restaurante Brandal. A través destes establecementos, o grupo ofrece distintas formas de descubrir e gozar do territorio, desde a acollida das persoas visitantes e peregrinas ata a gastronomía de alto nivel e a celebración de eventos en espazos de especial valor histórico.

Entre os seus proxectos destaca o Asador O’Pazo, recoñecido cunha estrela Michelin e dous Soles Repsol, ademais de ser distinguido en 2025 pola guía gastronómica Opinionated About Dining (OAD) como o segundo mellor restaurante de nova creación de Europa. Estes recoñecementos avalan unha proposta que sitúa o produto de calidade, a brasa e a identidade gastronómica galega no centro da experiencia culinaria.

Tamén merece unha mención especial o Pazo de Arretén, un inmoble histórico do século XVI vinculado á familia materna de Rosalía de Castro, que foi rehabilitado para recuperar o seu valor patrimonial e convertelo nun espazo de aloxamento e celebracións. A súa recuperación representa un exemplo de como a conservación do patrimonio pode integrarse nunha oferta turística contemporánea, contribuíndo á posta en valor da historia e da cultura de Padrón.

Pola súa banda, o Hotel Scala constitúe desde as orixes do grupo un referente na hostalaría local e na atención ás persoas que visitan a vila, tamén ás que percorren o Camiño de Santiago. O Restaurante Brandal completa esta oferta cunha proposta gastronómica que combina a tradición culinaria galega, o coidado do produto e unha atención orientada a ofrecer experiencias diferenciadas.

O compromiso do Grupo Scala con Padrón vai máis alá da súa actividade empresarial. Ao longo da súa traxectoria, a familia Vidal mantivo unha disposición favorable á colaboración co Concello en iniciativas orientadas a mellorar a vila e a reforzar o seu atractivo. Esta implicación reflíctese, entre outros exemplos, na colaboración co alumeado de Nadal e no apoio a outros proxectos e propostas municipais que contribúen á dinamización da localidade, á mellora dos seus espazos e á calidade de vida da veciñanza.

Esta colaboración entre o tecido empresarial e a Administración local exemplifica a importancia de sumar esforzos para construír unha vila máis atractiva, dinámica e acolledora, tanto para as persoas que viven nela como para quen a visita. O Concello quere agradecer expresamente esta disposición e a implicación do Grupo Scala en iniciativas que contribúen ao desenvolvemento de Padrón.

Coa concesión do “Padrón, Berce do Xacobeo 2026”, o Concello de Padrón recoñece o valor das empresas familiares, desde o seu traballo diario e cunha visión compartida, contribúen a fortalecer a economía local, a mellorar a proxección exterior do municipio e a consolidar un modelo turístico no que a calidade, a cultura, a gastronomía e o patrimonio son elementos fundamentais.

O acto de entrega do recoñecemento “Padrón, Berce do Xacobeo 2626” terá lugar o vindeiro 30 de outubro, ás 19.00 horas, na Igrexa de Santiago de Padrón. O Concello convida á veciñanza e a todas as persoas que desexen compartir este momento a participar nesta homenaxe á familia Vidal, nunha celebración que busca recoñecer publicamente a súa traxectoria e a súa contribución ao desenvolvemento turístico e económico de Padrón. Unha oportunidade para agradecer e poñer en valor o compromiso de quen, desde o seu traballo e o seu arraigamento, contribúe a construír o presente e o futuro da vila.

Padrón Turismo
Política de privacidade

Este sitio web emprega cookies para ofrecer a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no navegador web e permite un correcto funcionamento do sitio web, así como facer un seguimento anónimo do uso do mesmo con fins estatísticos e para axudarnos a mellorar a información e contidos recollidos neste.

A efectos dos datos recollidos e o seu responsable poñemos a seguinte información a súa disposición

Responsable do tratamento: Concello de Padrón

Finalidades: Xestión das consultas recibidas desde a web e o análise das estatísticas das visitas web.

Lexitimación: O interese lexítimo de ambas as partes.

Destinatarios: Non se efectuará comunicación algunha a outras entidades, salvo consentimento expreso ou aquelas comunicacións que se producen por obrigación ou necesidade legal. Non se producen transferencias a terceiros países ou organizacións internacionais que non ofrecen garantías adecuadas.

Dereitos: Tes dereito a acceder, rectificar e suprimir os datos así como outros dereitos, como se explica na política de privacidade e protección de datos. Procedencia dos datos: Os datos proceden do interesado.