Novas

O Xardín Botánico-Artístico de Padrón estrea páxina web para poñer en valor e promover este tesouro natural

28 Xul 2020 | Turismo

O Xardín Botánico-Artístico de Padrón vén de estrear sitio web, aloxada na páxina de Turismo de Padrón: https://xardinbotanico.padronturismo.gal/. Unha iniciativa posta en marcha pola Concellaría de Turismo que dirixe Lorena Couso “para promover e poñer en valor, máis se cabe, este tesouro natural do noso municipio, declarado Ben de Interese Cultural no ano 1946 e que está considerado un dos primeiros xardíns de España”.

Ademais de descargar o plano dos xardíns ou mesmo facer a reserva para as visitas guiadas, a nova web inclúe información novidosa como as fichas do catálogo de especies presentes do xardín ou unidades didácticas tanto para alumnado de infantil (de 3 a 5 anos) como de 1º a 4º de primaria (de 6 a 9 anos). Así mesmo, inclúese unha guía de árbores senlleiras de Padrón. A páxina web, que se completa cun apartado de novas e un catálogo de imaxes, está accesible en galego, español e inglés.

A posta en marcha desta web culmina os proxectos programados pola Concellaría de Turismo con motivo do 150 aniversario do Xardín Botánico-Artístico de Padrón. Un proxecto no que se editou un novo folleto promocional co plano e a situación das principais especies en tres idiomas, sinalización das cincuenta especies das que se fixeron as fichas (o nome en galego, o nome científico e un código QR que redirecciona á web do xardín) e a elaboración das fichas didácticas e as 50 fichas descritivas das especies máis características.

Visitas

Así mesmo, o Concello de Padrón lembra que todos os sábados dos meses de xullo e agosto, ás 11:00 horas, terán lugar visitas guiadas ao Xardín Botánico-Artístico de Padrón. Unha actividade enmarcada nas liñas de acción do Plan de Reactivación do Sector Comercial e Turístico que o Concello de Padrón vén de deseñar tras a crise sanitaria da Covid-19 e que o pasado sábado 4 de xullo reuniu a unha quincena de persoas.

As visitas son de balde e requiren de inscrición previa na Oficina de Turismo de Padrón, no teléfono 646 593 319 ou no correo turismo@padron.gal. De acordo coas normas de seguridade para a prevención da Covid-19, o número máximo de participantes está limitado a 19 persoas por visita.

Cunha extensión de aproximadamente unha hectárea, o Xardín Botánico-Artístico de Padrón preserva arredor de 300 especies, varias delas incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras: a palmeira do Senegal, as dúas sequoias vermellas, a coroa de Cristo, o carballo fastixiado e o castiñeiro de Indias. Declarado Ben de Interese Cultural no ano 1946, a documentación máis antiga sobre el data do ano 1969, polo que está considerado un dos primeiros xardíns da xeografía española.