As festas do Santiaguiño encherán Padrón de actividades para todos os públicos dende este luns, día 17, ata o 25 de xullo, cando se celebrará a tradicional procesión do santo e a romaría no monte San Gregorio. As actuacións de Xoán Curiel e Uxía Lambona son dous dos espectáculos pensandos para a cativada, que terá a súa festa o luns 24 pola tarde. Os amantes dos concertos poderán gozar cos de Ruxe Ruxe, Leilía e as vesións dos anos 80 e 90 de Chroma e Somoza Trío. O amplo programa inclúe tamén a entrega do premio Peregrino de Honra a José Antonio de la Riera, o venres 21. O programa completo pódese consultar neste enlace e ao final desta nova.
A maxia terá un papel destacado no programa do Santiaguiño 2023, cos espectáculos Rock’n’Magic do Mago Teo (luns 17, 21.30 horas) e Mil maxias máis do Mago Antón (venres 21). O Mago Antón vai ofrecer cinco actuacións na travesía do Campo da Feira (detrás do campo de fútbol) ás 11.00, 12.00, 19.00, 20.00 e 21.00 horas con aforo limitado, polo que é preciso retirar entrada no centro social.
Nenos e nenas tamén poderán gozar cos espectáculos para público familiar de Xoán Curiel e a Banda do Verán (martes 18) e co de Uxía Lambona e a Banda Molona (xoves 20), os dous ás 21.30 horas na praza de Macías.
O venres comezan os grandes concertos do Santiaguiño coa actuación de Leilía (22.30) e Quinkillada (medianoite), ambos no Campo do Souto, e o do DJ Traffic House (01.30) no Espolón. O sábado actuarán Chroma, coas súas versións dos anos 80 e 90 (23.00) e o DJ César Sánchez (01.00) e o domingo será o turno da banda folk Os D’Abaixo (21.30).
O fundador da Fraternidad Internacional del Camino de Santiago (FICS) e da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), José Antonio de la Riera Autrán, foi distinguido este ano do premio Peregrino de Honra. O alcalde, Anxo Arca, entregaralle o venres o galardón Padrón, Berce do Xacobeo, durante o acto oficial que se celebrará na igrexa de Santiago a partir das 12.00 horas.
Festa infantil o luns 24
A cativada ten reservada a súa festa para o luns 24, coa celebración do parque de lecer infantil no Campo do Souto. Entre as seis e as nove da tarde poderá gozar con inchables, pista militar, a selva, guay paut con piscina, tobogán de auga, búfalo mecánico e moitas atraccións máis.
O grupo folclórico Rosalía de Castro actuará ás 18.00 no paseo do Espolón, e as 19.00 celébrase un desfile e concurso asnal, antes de que o espectáculo de acrobacias O burro Marcial faga as delicias de todos os que se atopen na praza de Macías ás oito da tarde. Ao rematar (20.30) o Circo Krasnovarak pediralle a pequenos e maiores polas rúas de Padrón que axuden a Nika a atopar os animais perdidos do circo.
Os concertos de Somoza Trío, coas súas versións pop rock dos anos oitenta e noventa (22.30 horas) e o DJ Carlos López (00.30) pecharán o programa do luns 24.
Día do Santiaguiño
O día grande do Santiaguiño, 25 de xullo, os actos comezarán ás 10.30 horas coa tradicional procesión coa imaxe do santo dende a igrexa parroquial ata o monte San Gregorio. A comitiva irá acompañada polos grupos de gaitas O Pedrón, Rosalía de Castro, San Pedro de Carcacía, A Arreixeira, Xoldra e Os Mersenarios. Ao mediodía celebrarase a misa no monte Santiaguiño, e a solemne será ás 13.00 horas, cantada pola Coral Polifónica Padronesa.
O Concello ten habilitado un servizo de transporte gratuíto para que persoas con mobilidade reducida podar participar na romaría. Haberá saídas dende o Campo do Souto cada media hora de 11.30 a 15.00 e de 17.00 a 20.00 horas. As baixadas dende o Santiaguiño serán, tamén cada media hora, de 11.45 a 15.15 e dende ás 17.15 ata as 20.15 horas.
O romaría do Santiaguiño comezará ás 12.30 horas coa tradicional sardiñada, e o reparto gratuíto de pan de millo e dos bolos preñados.
As actividades divertidas para os máis pequenos comezarán ás 16.30 horas, con animación, inchables de auga e moitas máis sorpresas.
A baixada en procesión do santo dende o monte Santiaguiño (19.30 horas) dará paso pouco despois ao concerto de Ruxe Ruxe (21.30 horas no paseo do Espolón), que pecharás as festas do Santiaguiño de Padrón deste ano.
Programa completo
Programa do Santiaguiño do Monte. Ultreia! que se vai celebrar do 17 ao 25 de xullo de 2023.
17 de xullo. Luns
- 21.30 h. Espectáculo de maxia musical para público familiar do Mago Teto Rock’N’Magic. Praza Macías.
18 de xullo. Martes
- 21.30 h. Espectáculo musical para público familiar Xoán Curiel e a Banda do Verán. Cultura no Camiño. Praza Macías.
20 de xullo. Xoves
- 21.30 h. Espectáculo musical infantil para público familiar con Uxía Lambona e a Banda Molona. Praza Macías.
21 de xullo. Venres
- Espectáculo de maxia a cargo de O Mago Antón Mil maxias máis. Travesía Campo da Feira (detrás do campo de fútbol).
- Funcións ás 11:00 h., 12:00 h., 19:00 h., 20:00 h. e 21:00 h.
- Aforo limitado. Recollida de entradas no Centro Social.
- 12.00 h. Misa do Peregrino na igrexa parroquial de Santiago de Padrón.
- 12.30 h. Distinción como Peregrino de Honra e entrega do galardón Padrón, Berce do Xacobeo ao fundador da Fraternidad Internacional del Camino de Santiago (FICS), José Antonio de la Riera Autrán.
- 22.30 h. Espectáculo musical a cargo de Leilía. Campo do Souto.
- 00.00 h. Espectáculo musical a cargo de Quinkillada. Campo do Souto.
- 01.30 h. Espectáculo musical a cargo de DJ Traffic House. Paseo do Espolón.
22 de xullo. Sábado
- 23.00 h. Espectáculo musical versións rock anos 80’s e 90’s a cargo de Chroma. Paseo do Espolón.
- 01.00 h. Espectáculo musical a cargo de Dj César Sánchez. Paseo do Espolón.
23 de xullo. Domingo
- 21.30 h. Espectáculo musical a cargo da banda folk Os D´Abaixo. Paseo do Espolón.
24 de xullo. Luns
- 18.00 h. Actuación do grupo folklórico Rosalía de Castro. Paseo do Espolón.
- 17.00 h. a 21.00 h. Parque de lecer infantil. Inchables, pista militar, selva, guay paut con piscina, tobogán de auga, búfalo mecánico… Campo do Souto.
- 19.00 h. Desfile e concurso asnal. Photocall con burros para pequenos e maiores. Desfile pola rúa Real e pola rúa Longa; final do concurso fronte ao Gadis.
- 20.00 h. Espectáculo de acrobacias O Burro Marcial. Praza Macías.
- 20.30h. Actuación polas rúas de Padrón e Praza Macías do Circo Krasnovarak, de Troula animación. Axuda a Nika a atopar os animais perdidos do circo.
- 22.30 h. Espectáculo musical versións pop/rock anos 80 e 90 a cargo de Somoza Trío. Paseo do Espolón.
- 00.30 h. Espectáculo musical a cargo de Dj Carlos López. Paseo do Espolón.
25 de xullo. Martes
- 10.30 h. Saída da tradicional procesión coa imaxe do Santiaguiño dende a igrexa parroquial. Acompañada polos grupos de gaitas O’Pedrón, Rosalía de Castro, San Pedro de Carcacía, A Arreixeira, Xoldra e Os Mersenarios que animarán durante todo o día a romaría.
- 11.00 h. Subida da procesión ao Monte Santiaguiño.
- Servizo de transporte adaptado para persoa con mobilidade reducida con parada no Souto para subir á Romaría do Santiaguiño.
- Saídas O Souto: 11.30, 12.00, 12.30, 13.00, 13.30, 14.00, 14.30, 15.00, 17.00, 17.30, 18.00, 18.30, 19.00, 19.30 e 20.00.
- Saídas O Santiaguiño: 11.45, 12.15, 12.45, 13.15, 13.45, 14.15, 14.45, 15.15, 17.15, 17.45, 18.15, 18.45, 19.15, 19.45 e 20.15.
- Servizo de transporte adaptado para persoa con mobilidade reducida con parada no Souto para subir á Romaría do Santiaguiño.
- 12.00 h. Misa.
- 12.30 h. Comezo da tradicional gran sardiñada, co reparto do pan de millo e dos bolos preñados, de forma totalmente gratuíta.
- 13.00 h. Celebración da misa grande da Festa do Santiaguiño cantada pola Coral Polifónica Padronesa.
- 16.30 h. Actividades divertidas para os máis pequenos, animación, inchables de auga e outras sorpresas.
- 19.30 h. Baixada en procesión co Santo do Monte Santiaguiño.
- 21.30 h. Espectáculo musical a cargo de Ruxe Ruxe. Paseo do Espolón.