Novas

O Concello incrementa nun 250% as Pedronías entregadas o ano pasado respecto ao 2019

6 Feb 2023 | Turismo

  • A Oficina de Turismo atendeu de xeito individual a 31.556 persoas, un 62% máis que no último exercicio antes da pandemia

  • A metade das consultas foron feitas por peregrinos

  • Entre os turistas destacaron os portugueses, italianos e alemáns

  • Lorena Couso: “Os datos referendan o traballo do Concello na promoción turística do municipio”

 

O Concello de Padrón incrementou en preto dun 250% o número de Pedronías entregadas ao longo do pasado Ano Santo Extraordinario respecto ás emitidas no último exercicio prepandémico. Segundo recolle a Memoria anual de Turismo de Padrón relativa ao exercicio 2022, o Concello expediu un total de 16.060 Pedronías fronte os 6.590 diplomas entregados no ano 2019. “Estes datos referendan o traballo e o esforzo levado a cabo polo Concello na promoción e difusión turística do municipio, en xeral, e a do Camiño da Pedronía, en particular”, asegura a concelleira de Turismo, Lorena Couso.

No que atinxe ao número de visitantes (turistas e peregrinos) que se achegaron a Padrón no 2022, a Oficina de Turismo contabilizou un total de 31.556 visitantes, o que representa un incremento do 62% respecto ao ano 2019, no que se atenderon 19.551. “Estas cifras no número de visitas acadadas o pasado ano evidencian un repunte na recuperación cara a normalidade no sector do turismo da vila, despois de dous anos marcados polas restricións da Covid-19 e a incerteza da crise económica nos que as visitas turísticas apenas foron testemuñais”, engade a concelleira.

Das 31.556 visitas rexistradas en 2022, a gran maioría foron atendidas na Oficina de Turismo (26.862); 3.294 no paseo do Espolón polo Voluntariado de Padrón nos meses de verán e 1.400 consultas corresponde ás atencións realizadas en Festur Silleda.

Tamén cómpre destacar que 1.664 persoas optaron por asistir ás visitas guiadas programadas pola Oficina de Turismo.

A motivación

O Camiño de Santiago foi sen dúbida o principal motivo da viaxe a Padrón. Así o manifestou o 51% das persoas atendidas pola Oficina de Turismo. Un 23% dixo que visitaba o municipio por recomendacións e un 17%, pola gastronomía local.

Segundo os datos que se desprenden da Memoria anual de Turismo de Padrón de 2022, iguálase moito a presenza de peregrinos e turistas: Case a metade das consultas rexistradas (49%) foron feitas por peregrinos e o 51%, por turistas. Tamén iguálase o perfil por xénero: 13.347 consultas foron feitas por homes e 13.515, por mulleres.

Como dato salientable compre subliñar que o 95% das persoas visitantes que se  achegaron á vila ao longo do pasado ano o facían por primeira vez, fronte a un 5% que manifestaron ter visitado o concello con anterioridade. E, se atendemos á súa procedencia, o 58% viñan de distintos puntos de España, fronte ao 42% de procedencia internacional. Por comunidades, destacan Galicia (24%) e de Madrid (24%), seguidas de Andalucía (12%) Castela e León (11%) e Valencia (9%).

A nivel internacional atendéronse a turistas e peregrinos de 71 países. A inmensa maioría das persoas estranxeiras que visitaron Padrón viñan de Europa (90%), sendo Portugal o país de procedencia do maior número de persoas estranxeiras que visitaron Padrón no 2022 (2.843 visitantes), seguido de Italia (926), Alemaña (875), Francia (240) e Reino Unido (203 visitantes). Mentres que os turistas e peregrinos procedentes do continente americano apenas representaron o 4%. Por países destaca Estados Unidos, con 509 persoas, seguido de Brasil (143) e Arxentina (126 visitantes).

En canto a idade, o 41% das persoas visitantes tiñan entre 36 e 60 anos e un 23% , entre 18 e 35 anos. Os maiores de 60 anos representaron o 20% das visitas, mentres que o 16% restante atopábanse na franxa de idade entre 0 e 17 anos.

A maior parte das persoas que se achegaron a Padrón o fixeron a pé (54%); un 24% empregaron o autobús e un 11% o coche. E, como dato salientable, un 6% dos turistas preferiron achegarse ata o municipio en autocaravana, mentres que  tan só un 1% fíxoo en bicicleta.