O Concello de Padrón outorgará o premio ‘Padrón, Berce do Xacobeo’ a D. Roberto Martínez Díaz, arcipreste de Iria – Santiago e párroco de Padrón, como recoñecemento ao seu traballo incansable pola mellora do patrimonio histórico de titularidade eclesiástica padronés e polo seu coidado trato ás peregrinas e peregrinos que percorren o Camiño Portugués. Este galardón, que leva aparellado o nomeamento como Peregrino de Honra, será entregado no marco da celebración do Día do Peregrino o venres 24 de outubro ás 19.00 horas na igrexa parroquial de Santiago de Padrón.
A distinción, instaurada no ano 2017, ten como finalidade destacar a persoas cuxo labor contribúe á promoción e á preservación do Camiño de Santiago e do seu patrimonio cultural. Con este recoñecemento, D. Roberto Martínez Díaz incorpórase á relación de distinguidos predecesores, entre os que figuran Pepe Domingo Castaño, Manuel Garrido Rivero, José Antonio de la Riera ou Alberto Rey.
A programación comezará ás 18.45 horas coa chegada do homenaxeado á Casa do Concello, onde será recibido polo alcalde, Anxo Arca, e por membros da Corporación Municipal. Posteriormente, procederá á sinatura no Libro de Honra.
Ás 18.55 horas iniciarase o traslado a pé ata a igrexa parroquial de Santiago, acompañados pola Banda de Música Municipal de Padrón. A chegada está prevista para as 19.00 horas, momento no que terá lugar a misa solemne, os discursos e a entrega do galardón.
O acto concluirá ás 20.00 horas cun concerto da Banda Municipal diante da fachada principal do templo antes de acompañar á Corporación no regreso á Casa do Concello.
Este nomeamento evidencia o agradecemento de Padrón co labor de persoas que, como D. Roberto Martínez Díaz, contribúen a fortalecer a realidade cultural da vila a través do Camiño de Santiago.
Coa concesión deste premio, o Concello de Padrón reafirma o seu compromiso coa promoción do Camiño de Santiago, elemento fundamental para a economía e o intercambio cultural, e coa protección dun patrimonio que forma parte esencial da historia de Galicia e do mundo.
