-
Levouse a cabo unha renovación integral da área recreativa para facer deste espazo natural un punto de referencia para o lecer, o turismo e a posta en valor do patrimonio local
-
A actuación contou cunha subvención de 60.080,54 euros da Axencia de Turismo de Galicia, no marco das axudas do Plan de recuperación, transformación e resiliencia
-
Foi financiada nun 90% cos fondos NextGenerationEU e completada con fondos municipais
O Concello de Padrón levou a cabo unha renovación integral da área recreativa dos ríos Sar e Ulla co proxecto denominado Embelecemento do litoral na área recreativa da desembocadura. A actuación contou cunha subvención de 60.080,54 euros da Axencia de Turismo de Galicia, no marco das axudas para actuacións de embelecemento do litoral galego incluídas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea cos fondos NextGenerationEU nun 90%, e completada con fondos municipais.
O obxectivo do proxecto foi recuperar e mellorar este espazo natural para convertelo nun punto de referencia para o lecer, o turismo e a posta en valor do patrimonio local.
As actuacións realizadas incluíron a eliminación de elementos en mal estado como barandillas, fontes e equipamentos do antigo parque infantil; a recuperación das sendas e a eliminación de herbáceas para facilitar o acceso e mellorar a seguridade e a plantación de árbores autóctonas para preservar o entorno natural. Ademais colocáronse novas fontes, incluíndo unha adaptada para cans, e instalouse novo mobiliario urbano dende bancos de pedra a barandillas renovadas.
O plan de mellora tamén incluíu a creación dun parque infantil para maiores de 6 anos, fabricado con materiais reciclados, así como a construción dun pequeno auditorio de pedra, deseñado para eventos de pequeno formato onde se pode observar o solpor. Esta nova estrutura axudará a reducir a capacidade de carga do turismo que pode ter o centro histórico en épocas de máximo auxe.