O Concello de Padrón convoca a III edición do concurso Nadal na Rúa, un certame de decoración de Nadal de balcóns, ventás, escaparates, fachadas, xardíns e todo tipo de elementos exteriores e visibles dende a rúa de todo o municipio, tanto no seu casco histórico coma nas zonas próximas. O certame, que repartirá un total de 800 € en premios para consumir en Padrón, está dirixido tanto a empresas e locais de hostalaría, como a colectivos ou asociacións sen ánimo de lucro, entidades culturais ou centros educativos. Quen desexe participar deberá formalizar a súa inscrición ata o 1 de decembro na Oficina de Turismo tanto de forma física como a través do correo electrónico turismo@padron.gal. A inscrición é de balde.
A concelleira de Cultura, Lorena Couso, recalca que o obxectivo deste certame “é promocionar e enxalzar a beleza do rueiro e do patrimonio arquitectónico da vila padronesa na tempada de Nadal, coa colocación de elementos decorativos propios desta época”. O goberno local quere “dinamizar a participación activa de todo o tecido social, empresarial e cultural do municipio para contribuír a proxectar unha imaxe global positiva dun Padrón máis atractivo tanto para a veciñanza como para as persoas que nos visitan nestas datas”, afirma Lorena Couso.
As decoracións deberán ser visibles dende a vía pública no período comprendido entre o 12 de decembro deste ano ata o 6 de xaneiro de 2023, ambos días incluídos. En ningún caso poderán interromper á actividade cotiá da cidadanía, ocupar a vía pública, nin causar perigo ás persoas, vehículos ou bens. Poderán participar todas aquelas persoas maiores de 18 anos que o desexen: persoas encargadas da xestión de empresas, de comercio e/ou de hostalaría e aquelas que representen a algunha asociación, entidade cultural ou centro educativo.
Dúas categorías
Nadal na Rúa establece dúas categorías. A primeira está destinada ás empresas e contempla tres premios de 250 €, 150 € e 100 €, respectivamente, e diploma para as gañadoras. A segunda categoría está destinada á decoración realizada por asociacións sen ánimo de lucro, colectivos, entidades culturais ou centros educativos de Padrón e contempla un primeiro premio de 200 € e un segundo de 100 € (ambos tamén con diploma).
“As contías dos premios deberán ser consumidas no comercio e na hostalaría de Padrón”, lembra Lorena Couso. As persoas gañadoras terá de prazo para realizar este gasto ata o 30 de xaneiro de 2023. No caso de non gastar todo o premio, ou de non presentar os recibos correspondentes, o Concello solicitará o seu reembolso.
Valoración do xurado
O xurado valorará especialmente a creatividade e a orixinalidade na ornamentación; a inclusión de identidade local e o emprego de materiais de refugallos ou eco-sostibles. O 15 de decembro, os membros do xurado visitarán os locais e entidades participantes para facer a súa valoración e emitirán o seu veredicto unha vez finalizado o concurso.
O Concello tamén solicita a cada participante que remita ata 2 fotografías da súa decoración (unha de día e outra de noite) ao correo electrónico turismo@padron.gal. Estas imaxes poderán enviarse ata o 12 de decembro.
Para máis información, as persoas interesadas deberán achegarse á Oficina de Turismo de Padrón ou chamar ao teléfono 646 593 319.
Bases do III Concurso de decoración Nadal na Rúa Padrón 2022
Folla de inscrición no concurso