A concelleira de Turismo confía en que esta ruta atraia visitantes á vila para desfrutar do mellor da gastronomía
O Concello de Padrón xa ten todo a punto para celebrar unha nova edición de ‘Saborea Padrón’, que comezará a fin de semana do 23 ao 25 de outubro e a fin de semana do 30 de outubro ao 1 de novembro. Nesta nova edición participarán un total de 12 establecementos, que presentan unha proposta gastronómica composta por trece tapas. Trátase de elaboracións con base nos produtos máis apreciados da nosa terra, coas que os hosteleiros de Padrón buscan sorprender aos seus clientes. “Esta é unha gran oportunidade para mostrar o gran nivel da gastronomía padronesa, xa que os locais participantes poderán demostrar o seu bo facer nos fogóns. Así mesmo, agardamos que esta ruta sexa un motivo para atraer visitantes. Estamos seguros de que todos e todas os que veñan a coñecernos, quererán volver no futuro porque en Padrón temos moito que ofrecer”, sinalou a concelleira de Turismo, Lorena Couso.
Os locais participantes son ‘O Piorno’, ‘Panadería San José’, ‘O secreto’, ‘O secreto do viño’, ‘Chef Rivera’, ‘Ruta Xacobea’, ‘Café Cultural Airiños’, ‘Restaurante O Santiaguiño’, ‘Retro Visor’, ‘Cafetería Bámbola’, ‘Alpendre’ e ‘Café Século XX’. E as propostas gastronómicas destes establecementos son ‘O segredo do cocho’, secreto ibérico a baixa temperatura con pemento asado e redución do seu xugo con salsa de soia; ‘Miudiños de outono, doce de biscoito elaborado con castañas, noces e cacao; ‘Osiños do Samaín’, rosquillas en forma de oso; ‘Algo máis que calamares’, montadiño de calamares; lacón con grelos e queixo, mini burguer de lacón con grelos e queixo; ‘Cocido ben peregrino’, roupa vella sobre puré de fabas, grelos salteados, tella de pataca e aceite de chourizo; ‘Peregrinator’, lasaña de outono; ruliño de castaña, filloa rechea de espinacas, lacón e queixo de Arzúa con compota de mazá; ‘Traslatio Toast’, tosta con cebola caramelizada, rulo de cabra, tomate, marmelada e abanico Ibérico; ‘Sabores do Camiño’, bacallau frito na cuncha da vieira con pataca, crocante e cebola caramelizada, pemento en po e aroma de perexil; ‘Vieiriña’, follado recheo de crema con vieira, ourizos e algas; ‘Obradoiro’, carrillera de porco criado con castañas no seu xugo con patacas estofadas; e ‘Atípico’, solombo de porco con salsa de froitos vermellos. O custo das tapas é de 2 euros.
Todas as persoas que participen co seu voto na elección da mellor tapa, entrarán nun sorteo de varios vales para consumir ou ben no establecemento gañador ou nalgún dos outros locais. Para poder participar, os usuarios terán que conseguir, en primeiro lugar, un ‘pasaporte’, é dicir, o documento no que terán que selar a degustación de polo menos tres tapas –este pode recollerse na oficina de Turismo ou en calquera dos establecementos participantes-.
I Concurso de deseño de cabazas, cabaciñas ou cabazóns
Este ano, coincidindo coa celebración de ‘Saborea Padrón’ e co obxectivo de que os máis pequenos da casa desfruten da celebración de Samaín, o Concello de Padrón colaborou coa Panadería San José para organizar o I Concurso de deseño de cabazas da vila. Esta deseñado para que participen nenos e nenas de 3 a 14 anos, que terán que presentar unha composición cun elemento relacionado coa vila de Padrón. Todas as cabazas participantes estarán expostas no escaparate da Panadería San José entre o 16 e o 31 de outubro. A cada unha se lle asignará un número, posto que o sistema de elección será a través dunha votación popular.
Haberá tres gañadores aos que se lles entregará unha cesta con doces do Samaín da Panadería San José e un vale para consumir en establecementos de Padrón. O sábado 31 de outubro ás 18:00 horas farase o reconto dos votos na tenda con todas as persoas que queiran asistir e comunicarase o nome dos gañadores –que tamén se publicarán a través das redes sociais e no propio escaparate-. Nesa xornada, poderanse degustar castañas asadas.
‘Mercadillo Revolto Artesán Galego’
E nesa mesma fin de semana, celebrarase en Padrón un mercado con artesanía e antigüedades. Os postos instalaranse polo casco histórico de Padrón e estarán abertos entre as 10:00 e as 21:00 horas o sábado, e entre as 10:00 e as 20:00 horas o domingo.