Máis de 200 persoas participaron este ano nas visitas teatrais realizadas en maio e xuño organizadas polo Concello de Padrón, a través da Oficina de Turismo Padrón.
As visitas teatrais arrincaron os sábados de maio, no Xardín Botánico-Artístico da man do grupo Os Quinquilláns, que escenificaron, por primeira vez, Macías e Elvira, tres camiños, tres destinos. Os amores entre o trobador padronés, oriúndo de Carcacía, e a dama, ela obrigada a casar con quen non quería, el enviado ao cárcere onde foi martirizado polos seus inimigos, obtiveron cheo total en cada unha das catro representacións. As tribulacións dos dous personaxe, Macías e Elvira, símbolo do amor verdadeiro, que loitaron pola súa liberdade e a súa emancipación, serviron para que Os Quinquilláns amosaron ao público “os tres destinos posibles que ten o amor”.
Ademais das sesións para o público en xeral, o Concello organizou pases extras de Macías e Elvira, tres camiños, tres destinos para o alumnado dos IES Camilo José Cela e do Macías O Namorado.
As crónicas do bispo Sisnando Menendiz, interpretado polo actor e guía Suso Martínez, encheron os sábados de xuño achegando ao público asistente en cada unha das citas do Chronicón Iriense á Iria Flavia da Idade Media. A través da pericia do actor e do seu bo facer estas visitas teatrais tamén levaron ás persoas participantes dende Iria ata Padrón, camiñando, para revivir a relevancia xacobea da vila ao longo do tempo.