Novas

A Pascua toma Padrón dende o domingo con pleno nas atraccións e grandes concertos gratuítos

3 Abr 2023 | Turismo

Coa totalidade das parcelas ocupadas, a apertura das atraccións e dos postos de feira no Espolón e no Campo do Souto volverá vestir Padrón de festa dende este domingo 2 de abril para celebrar a Pascua por todo o alto. Padroneses e visitantes poderán gozar durante quince días cunha completa programación pensada para todos os públicos e na que, unha vez más, un bo número de concertos e verbenas gratuítos se sumarán a citas clásicas como a feira cabalar e as competicións deportivas. O pregón correrá a cargo do humorista e actor galego David Amor.

A Pascua celébrase por segundo ano como Festa de Interese Turístico de Galicia e o obxectivo de superarse a si mesma en cada edición, tal e como salientou o alcalde de Padrón. Antonio Fernández Angueira recordou que as festas de 2022, as primeiras trala pandemia, pecháronse cunha grande éxito de participación e supuxeron todo un revulsivo tanto anímico como económico para a localidade. “Traballamos arreo coa intención de manter o nivel e facer unhas festas que satisfagan a todos os públicos”, sinalou. Para conseguilo, o Concello de Padrón destina a Pascua un orzamento próximo aos 200.000 euros.

Os concertos de Dorian e Álvaro de Luna  o sábado 8 de abril atópanse entre os pratos fortes destas Festas de Pascua 2023. Ademais, e como xa vén sendo tradición, as persoas que se acheguen a Padrón poderán gozar dos espectáculos das orquestras Panorama, Olympus e París de Noia. Outras actuacións destacadas son as do DJ Sash! ou os tributos a Abba e ao pop-rock español das décadas dos 80 e dos 90.

Carmina Bustelo, concelleira de Festexos, salienta a participación das agrupacións musicais locais. Entre elas, atópanse as orquestras Unión y Fuerza, Atenas e Charleston, os grupos folclóricos padroneses e a banda municipal. “Non só apostamos claramente pola música local, senón que queremos tamén converter as Festas de Pascua nun escaparate para os nosos grupos”, manifestou a concelleira, que insistiu na idea de facer “un programa variado e para todas as idades, con espectáculos e obradoiros infantís, actuacións para xente moza e tamén para os que non somos tan novos”.

As festas, que se desenvolverán ata o 16 de abril, iniciáronse o pasado sábado 25 de marzo coa Andaina Bisbarra do Sar. O deporte estará presente tamén con campionatos de xadrez, tenis, fútbol, chave ou un torneo de ximnasia rítmica, disciplina que se incorpora este ano á Pascua. Ademais, o sábado 8 de abril disputarase a 42 edición da Carreira Popular e o sábado 15 tocaralle a quenda a 59 edición da Clásica de Pascua de ciclismo. A gran velada de boxeo levarase a cabo o venres 7 de abril.

A feira cabalar, presente xa no inicio das Festas de Pascua hai máis de tres séculos, tamén volverá ao Campo da Barca o domingo 9 de abril, o mesmo día no que se poderá asistir á feira de maquinaría agrícola. Dentro das citas tradicionais, non faltarán tampouco os pasarrúas cos xigantes e cabezudos nin o espectáculo de fogos artificiais

A maiores das atraccións, os postos de feira e o mercadiño dominical, as persoas que se acheguen a Padrón esta fin de semana poderán desfrutar do Raid Cabalar, proba puntuable para o Campionato Galego que percorrerá este sábado os montes de Dodro, Padrón e Rois logo de saír do monte Santiaguiño o sábado ás 9 da mañá, así como do torneo de ximnasia rítmica (sábado ás 10.00 horas no pavillón do grupo escolar) e do comezo dos campionatos galegos de xadrez (Hotel Scala).

Consulta todo o programa nesta ligazón.