Novas

A participación no Saborea Padrón 2021 medra un 30% con respecto á edición anterior

21 Nov 2021 | Turismo

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, entregou esta mañá no salón de Plenos da Casa do Concello os premios aos tres establecementos hostaleiros que gañaron o certame “Saborea Padrón 2021”. Uns hostaleiros que amosaron a súa satisfacción pola elevada participación rexistrada nesta edición con respecto a anos anteriores.

O alcalde padronés felicitou aos tres locais máis votados pola veciñanza e agradeceu “a implicación dos dez establecementos que participaron nunha iniciativa que serve para dinamizar a nosa economía, como demostrou que houbo un 30% máis de participantes no concurso. Uns bos resultados que nos animan a seguir apostando por proxectos deste tipo”. O crecemento da participación quedou rexistrado no aumento de tarxetas de votación entregadas: 312 no 2021 fronte aos 240 de 2020.

Gañador

O gañador desta edición foi o Café Século XX coa súa tapa “Espiritual”, con 416 puntos. Unha proposta cunha base de solombo e langostino combinado cunha sopa de castaña, ovas de peixe e trufa negra. O segundo premio recaeu na Pulparía Rial con “A coroa de Santiago”, un puré de pemento de Herbón con corazón de ovo coroado con polbo á galega e queixo do país que obtivo 344 puntos. Completou o podio o montadiño enxebre “Ruteira”, de Ruta Xacobea, que conseguiu 270 votos.

As xornadas gastronómicas “Saborea Padrón” tiveron lugar durante catro días (5, 6, 12 e 13 de novembro) e nel participaron dez establecementos: Panadería San José, Taberna A Filoxera, Bámbola, Café Cultural Airiños, Café Século XX, Pulpería Rial, Restaurante Chef Rivera, Restaurante O Santiaguiño, Retro Visor e Ruta Xacobea.

Entre os 312 participantes, o Concello de Padrón sorteou un vale por 100 euros para consumir no Café Século XX e 3 vales de 50 euros para consumir no establecemento participante que elixa a persoa gañadora. As catro gañadoras son mulleres, dúas de Padrón e outras dúas de Pontecesures.