Novas

A cultura e as letras toman as rúas de Padrón durante o mes de maio

3 Mai 2022 | Turismo

As rúas e os edificios públicos de Padrón encheranse neste mes de maio de cultura. Cun amplo programa de actividades para todas as idades, o Concello quere honrar aos autores e autoras que situaron a vila no centro da creación literaria galega e, ao tempo, animar á poboación a gozar dos libros.

A concelleira de cultura de Padrón, Lorena Couso, considera que Padrón Literario “converterá esta vila, un ano máis, no centro da actividade literaria de Galicia”. Trátase dunha programación moi ampla que conta coa colaboración da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, da Fundación Rosalía de Castro, da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22.

Esta aposta do Concello “ten todo o sentido do mundo”, engade Lorena Couso, “tendo en conta que Padrón é unha localidade na que viviron e crearon as súas mellores obras algunhas das maiores figuras da literatura galega e universal”. Para celebralo, o consistorio deseñou un programa “moi variado, que atende aos intereses de públicos moi diversos, do infantil ao especializado”, e que busca “afondar no recoñecemento dos nosos creadores e creadoras tanto entre a veciñanza como entre as persoas que nos visitan”.

Recoñecemento ás figuras literarias padronesas

Padrón Literario quere poñer en valor a importancia das grandes figuras literarias que naceron, viviron e traballaron na vila, con Rosalía de Castro e Camilo José Cela á cabeza. Entre os actos centrais do mes atópase a ofrenda floral no cemiterio de Adina, en Iria Flavia, na honra de Camilo José Cela (11 de maio ás 11:00 horas). No 106 aniversario do seu nacemento, as autoridades e o alumnado de varios IES do Concello e arredores participarán neste acto en recordo dun dos grandes creadores da literatura universal.

Outro dos momentos clave das celebracións é o Concerto das Letras Galegas, que se poderá escoitar no Auditorio Municipal de padrón ás 20:00h do sábado 14. Actuarán as corais polifónicas de Padrón, de Betanzos e de Carral.

Na véspera do Día das Letras Galegas, na mañá do luns 16, celebrarase a VII Festa da Lingua. No acto participarán o alumnado do IES Macías o Namorado e do IES Camilo José Cela.

A inauguración da ruta de sendeirismo Rosalía nos camiños o sábado 21 é outro dos puntos a marcar na axenda de maio. A ruta está inspirada na obra En las orillas del Sar e foi deseñada polos concellos de Padrón, Rois e Dodro, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro.

Visitas e tertulias teatralizadas

Unha das actividades estrela do mes son as visitas teatrais Macías e Elvira: tres camiños, tres destinos. Levaranse a cabo no Xardín Botánico Artístico de Padrón os sábados 7, 14, 28, de maio e 4 de xuño ás 12 horas (agás o 7, no que comezan ás 12:30), e entre semana para centros escolares. Trátase dun percorrido polo Padrón Literario da man da compañía Os Quinquilláns, especialista en recrear eventos históricos de xeito atractivo e instrutivo. Para anotarse hai que acceder á web padronturismo.gal/inscricions, xa que as prazas, gratuítas en todo caso, son limitadas.

O 11 de maio, ás 19:00 horas, o actor Suso Martínez caracterizarase como Matías Martí (o inventor de palabras de La colmena) para realizar unha visita guiada ao Museo Camilo José Cela, que servirá tamén como homenaxe ao actor recentemente falecido Pedro Brandariz. A inscrición debe facerse no 981 81 24 25 ou en visitas@fundacioncela.com

Nesta mesma liña de difusión do patrimonio literario padronés enmárcase a visita teatral Camiño branco de Rosalía. Pensada para todos os públicos, levará aos asistentes pola zona vella de Padrón percorrendo algúns dos lugares más destacados na historia literaria da vila. Celebrarase o martes 17 de maio, Día das Letras Galegas, e para asistir hai que acudir ao punto de encontro no cruceiro de Fondo de Vila ás 12:00h.

O día seguinte, mércores 18, levarase a cabo unha nova edición das exitosas Tertulias Clandestinas, nas que o público conversa cunha figura relevante da historia, representada por unha actriz. Neste caso, a protagonista é Camila Trulock Bertorini, nai de Camilo José Cela. Esta tertulia teatralizada levarase a cabo nos xardíns do Museo Camilo José Cela e para asistir hai que anotarse na web padronturismo.gal/inscricions

Actividades na Fundación Cela

Este espazo, o do Museo Camilo José Cela, será o epicentro de varias das accións programadas dentro do mes de Padrón Literario. Do 9 ao 20 de maio, a Semana das Letras acollerá actividades especiais para os centros escolares e xornadas de portas abertas para todos públicos na Fundación. Máis alá disto, o alumnado das escolas unitarias e dos CEIP Flavia e Rosalía de castro poderá asistir á un espectáculo de Pakolas de contido literario. O público xuvenil dos IES Macías o Namorado e Camilo José Cela poderá asistir a un xogo de tipo Escape Room.

Tamén no Museo Camilo José Cela inaugurarase o 26 de maio (19:00h) a exposición Padrón, teu Camiño, teu Destino. A artista responsable da obra, Loreto Blanco, fará unha visita guiada pola mostra, e a continuación actuará a cantante Nastasia. A exposición poderase visitar ata o 30 de xuño.

Máis actividades para público infantil e familiar

O Concello programou unha serie de actividades de inspiración literaria e pensadas para o público máis pequeno, buscando fomentar entre a cativada e máis alá do centro urbano o orgullo polo pasado cultural de Padrón e proporcionando a pais e nais unha alternativa de ocio activo para as súas crianzas.

Así, o venres 13 (20.00h) o campo da festa de Iria Flavia acolle o espectáculo Contos e teatro de obxectos con O Peirao, de Diáspora Teatro. O día 16 (18:00h) celebrarase no Auditorio Municipal o concerto A miña lingua, a túa lingua, a cargo de O Viravai; e o venres 20 (20:00h) a praza da Capela de Pazos servirá de escenario para circo e acrobacias con 4.0, de Sue Moreno. Por último, o día 27 (20:00h) o mago Fran Rei interpretará o espectáculo Superheroe na praza do Santuario da Nosa Señora da Escratvitude.

Tamén o día 27, a Biblioteca Municipal de Padrón acollerá a partir das 17.00h o obradoiro Quen fai un cesto, fai un cento, dirixido a público xuvenil e adulto. Esta actividade ten aforo limitado, polo que é preciso inscribirse con antelación na propia biblioteca.

Descarga o programa completo de Padrón Literario neste enlace.