Cristina Castaño Gómez, actriz; Miguel López Méndez, barista; Carmen San Nicolás, fisioterapeuta en Madrid, e os empresarios Francisco Quintá Mariño, directivo de Exlabesa, e Carlos Castaño Varela, CEO de Castaño Playas, pasarán a formar parte do club de membros da Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón cando reciban, o vindeiro Domingo de Pascuilla, 27 de abril, a Insignia de Ouro desta entidade durante a 48ª edición do seu encontro anual. A empresa Baicha, situada no polígono do Tambre de Santiago pero con fortes lazos coa vila rosaliana, e a Irmandade de Fillos e Amigos de A Estrada serán as dúas entidades recoñecidas cos Diplomas de Honra por este colectivo, presidido por Arturo Reboyras Villaverde, que defende, promove e pon en valor Padrón e os padroneses, tanto veciños como residentes noutras partes de España ou no estranxeiro.
Os cinco elixidos deste 2025 súmanse a unha lista que se iniciou no ano 1976, cando recibiron a insignia Ángel Agrasar Vidal, Ramón Baltar Domínguez, Ernesto Baltar Montero, Ernesto Baltar Santaló, Francisco Castro Lucini, José Ferrón Martínez, José Malvar Figueroa, Peregrino Reboiras Torrado, Manuel Rey Rey, Jesús Roa Baltar, Octavio San Martín Domínguez e Joaquín San Martín Orense.
Ao longo deste medio século de existencia, a lista de Fillos e Amigos de Padrón foise ampliando con personalidades como Camilo José Cela (quen foi presidente de honra da Irmandade), Isaac Díaz Pardo, Xerardo Fernández Albor, Mariano Rajoy, Sixto Seco, José Manuel Romay, José Manuel Cortizo, Pepe Domingo Castaño, Maximino Buján, Filgueira Valverde, os irmáns Francisco e Andrés Quintá, Antonio Agrasar, os investigadores Juan e Alejandro Pazos ou Xosé García Bustelo, a catedrática estadounidense Anna Marie Aldaz, a profesora Ürsula Heize, a editora Carmen Balcells e o xornalista Manolo Sarmiento Birba.
Cristina Castaño Gómez é unha recoñecida actriz española con profundas raíces en Padrón, vila natal do seu pai Antonio, onde aínda reside boa parte da súa familia paterna. Protagonizou algunhas das series de maior éxito en España, como Al salir de clase, El Comisario, Toy Boy, Rapa, Cuerpo de élite e, sobre todo, La que se avecina. Ademais, participou en numerosas películas, curtametraxes e musicais como Fama ou Cabaret, recibindo múltiples premios.
Miguel López Méndez, nacido en Iria Flavia, ten 34 anos e foi elixido mellor barista de España en 2024. Estudou hostalería en Santiago e actualmente é xefe sumiller no prestixioso restaurante Garena, un dos locais con estrela Michelín en Euskadi.
Carmen San Nicolás López é unha prestixiosa fisioterapeuta á fronte de Axis Fisioterapia en Madrid. A pesar da súa mocidade e de formarse na Universidade Europea, conserva un forte vencello con Padrón, de onde procede a súa familia materna e onde mantén numerosos amigos e amigas.
Francisco Quintá Mariño, xunto cos seus irmáns Fernando e Felipe, forma parte da segunda xeración que, baixo a dirección do seu pai, Francisco Quintá Cortiñas, ampliou os horizontes de Exlabesa, outro xigante do aluminio da comarca do Sar. Ademais, dirixe a sociedade Vicaño Inversiones.
Carlos Castaño Varela é outro exemplo de emprendedor da comarca do Sar. Natural e veciño de Pazos, foi un visionario que, con 28 anos e tras visitar Torremolinos, fundou a empresa Castaño Playas, converténdose no “rei das tumbonas” nos areais galegos, primeiro en A Lanzada e Sanxenxo e, posteriormente, noutras zonas do litoral español e Canarias. Ademais, expandiu o seu negocio facéndose cargo de numerosos chiringuitos.
Baicha S.L.U. celebra o seu primeiro cuarto de século baixo a dirección do seu CEO, José Antonio Chaves Barreiro, un dos seus socios fundadores. A empresa está situada no polígono do Tambre pero conta con fortes raíces en Padrón, Cesures e as súas comarcas. Dedícase á fabricación e comercialización de ferragens para o sector da carpintería de aluminio, tendo presenza en toda España e Portugal.
A Irmandade de Fillos de A Estrada é unha entidade irmandada coa súa homónima de Padrón. Foi creada polo doutor Alfonso Varela Durán en 1983 para estreitar os lazos entre os veciños do concello estradense e aqueles que residían noutras localidades. Actualmente, está presidida polo seu fillo, Alfonso Varela Román.
Na edición de 2025, a Xunta Directiva dos Fillos e Amigos de Padrón decidiu render homenaxe á figura de Ignacio Zaragoza Salvadó, falecido fundador de Picusa, coincidindo co 150 aniversario da posta en marcha da primeira fábrica de curtidos en A Matanza e coa consolidación deste espazo como novo polígono industrial de última xeración, impulsado polo Grupo Cortizo. Dentro dos actos habituais da xornada do 27 de abril, que inclúe un xantar de confraternidade, colocarase unha coroa de flores ante o busto de Ignacio Zaragoza, situado preto da súa antiga residencia, nas inmediacións da Casa Museo de Rosalía de Castro.
Pe de foto:
Arriba, de esquerda a dereita: Cristina Castaño, Miguel López, Carmen San Nicolás e Francisco Quintá.
Abaixo: Alfonso Varela, Carlos Castaño e José Antonio Chaves.