Axenda

VIII Certame poético Rosalía de Castro

03/01/2022 - 15/03/2022
Todo o día


O Concello de Padrón convoca a oitava edición do Certame Poético Rosalía de Castro, no que poderán participar todas as persoas de calquera nacionalidade que presenten obras poéticas inéditas en lingua galega non premiadas noutros concursos. A temática será de libre elección, así como a forma poética elixida, cunha extensión mínima de 400 versos.

O premio, único e indivisible, consiste en 1.500 euros e un diploma acreditativo. Así mesmo, a obra premiada será publicada na colección de Poesía Rosalía de Castro do Concello de Padrón. O prazo de presentación irá do 3 de xaneiro ao 15 de marzo de 2022 e os traballos deberán enviarse por quintuplicado baixo o sistema de plica ao Concello de Padrón (rúa Longa 27. 15.900 Padrón), indicando no sobre: “VIII Premio de Poesía Rosalía de Castro”, o título da obra, o seu lema e o pseudónimo da persoa autora. No interior do sobre incluirase unha copia do DNI, enderezo, teléfono de contacto, correo electrónico, un breve CV e unha declaración de que a obra é inédita e non foi premiada en ningún outro certame.

O xurado estará presidido polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e formarán parte del a concelleira de Cultura, Lorena Couso, e cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da poesía, literatura galega, comunicación e/ou eido cultural, que serán nomeadas por resolución do alcalde padronés. A súa decisión terá lugar antes do 17 de maio de 2022 e o premio será entregado no mes de maio.

A escritora Guadalupe Gómez Arto, natural de Curtis (A Coruña), foi a gañadora da edición do ano pasado pola súa obra “No encanto do aire”, do que o xurado valorou que se trataba dun poemario que, partindo das rúas de Compostela percorre o país con mirada silenciosa, por veces desolada, axudada polas pegadas da nosa tradición, historia e literatura.

Consulta as bases completas aquí.

 

<< Mai 2022 >>
LMMXVSD
25 26 27 28 29 30 1
2 3 4 5 6 7 8
9 10 11 12 13 14 15
16 17 18 19 20 21 22
23 24 25 26 27 28 29
30 31 1 2 3 4 5